Tuesday 10 April 2018

Visita de Joana Meirim a Vigo


O 4 de maio, estará en Vigo a investigadora e profesora portuguesa Joana Meirim para presentar a revista Jogos Florais e para dar unha conferencia sobre arte e política en Alberto Pimenta. 

Joana Meirim é profesora na Universidade Católica Portuguesa e investigadora do Centro de Estudos de Comunicação e Cultura (CECC) da mesma universidade. Licenciouse en Estudos Portugueses na Universidade Nova de Lisboa (FCSH-UNL), rematou o Mestrado na Universidade da Coruña e doutorouse en Teoría da Literatura na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, cunha tese sobre Jorge de Sena e Alexandre O'Neill, sobre os que continuou a publicar artigos. Entre 2006 e 2008, foi lectora de portugués na Universidade da Coruña e en 2013, coeditou o volume de correspondencia entre Jorge de Sena e Carlo Vittorio Cattaneo. Recentemente, organizou un libro coletivo de ensaios sobre Alexandre O'Neill baixo o título E a minha festa de homenagem? (2018). 

Durante a mañá do día 4, ás 11h00 na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, a profesora e investigadora portuguesa dará unha conferencia centrada na figura do artista portugués Alberto Pimenta. A presentación, ten como obxectivo analizar o carácter político das dúas últimas obras publicadas de Pimenta: Autocataclismos (2014) e Nove fabulo, a mea vox/ De novo falo, a meia voz (2016), que a pesar de ter un ton distinto (a irrritación de Autocataclismos diferénciase do ton máis calmado do último texto), ambas comparten unha análise crítica da sociedade contemporánea. Alberto Pimenta critica sen panfletarismo a realidade cotiá dun mundo cunha democracia previsible e que vira as costas á crise dos refuxiados. Joana Meirim reflexionará en profundidade sobre estes dous libros e tentará dar as claves da poesía deste autor irreverente e polémico. 

Ás 19h00 da tarde, Joana Meirim presentará na Casa Arines (Centro Cultural Camões de Vigo) a revista de poesía e crítica Jogos Florais, da que foi creadora xunto a Sara Carvalho, Ana Maria Pereirinha e Maria Sequeira Mendes. Este proxecto defínese na súa páxina web como "um site de crítica e poesia de diferentes nacionalidades, formas e feitios". Conta con varias seccións poéticas como "poemas de agora", "poemas de antes", "poemas inéditos"e "poemas traduzidos", cun apartado de entrevistas, cun bloque titulado "Marginalia"onde se contan curiosidades literarias e cun repositorio de ensaios difíciles de atopar na actualidade.  Para máis información, pódese consultar a páxina web de Jogos Florais. 



No comments:

Post a Comment