Thursday 27 April 2017

Coloquio Internacional: "Cordel brasileiro. Poesía política?"


O 27 de abril celebrouse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo un coloquio internacional baixo o título "Cordel brasileiro. Poesía política?", apoiado pola Cátedra Internacional José Saramago e o proxecto de investigación POEPOLIT. 

A primeira intervención foi a de Carlos Nogueira, doutor en Literatura Portuguesa pola Facultade de Letras do Porto e actual rexidor da Cátedra Internacional José Saramago xunto con Burghard Baltrusch. A súa intervención foi unha reflexión sobre a peleja brasileira que, alén de ser un poema oral dialógico onde se tratan diversos temas de actualidade, tamén se pode converter nun poema escrito que forma parte da literatura de cordel. A peleja convértese, en moitas ocasións, nun desafío ao contexto sociopolítico no que foi producido, xa que o poder social, a relixión, o xénero, a masculinidade, a raza ou a cor da pel poden converterse en obxecto deste tipo de poesía. 



Gislene Carvalho, doutoranda en Comunicación Social pola Universidade Federal de Minas Gerais, continuou o coloquio coa comunicación "Oralidade e memoria na literatura de cordel", onde presentou a literatura de cordel como o lugar que desafía a memoria institucional e que cuestiona diferentes formas de dominación simbólica. Para Gislene Carvalho, a literatura de cordel conta outra versión da Historia que non ten que ver cos actos oficiais, senón cos acontecementos do mundo cotiá e diario.

                                    

En terceiro lugar, Rafaella Teotônio, doutoranda en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Pernambuco, reflexionou na súa conferencia "Narrativas do nordeste brasileiro Leandro Gómez de Barros e Ariano Suassuna" sobre as relacións entre Leandro Gómez de Barros, principal expoñente da literatura de cordel brasileira, e o autor Ariano Suassuna, que se inspirou no primeiro para reflexar a cultura propia do nordeste brasileiro na súa peza O auto da compadecida.


                                 


Por último, o coloquio tivo como acto de peche unha mesa redonda baixo o título "Toda a poesía é política (Yehuda Amichai, poeta israelita). O cordel brasileiro é político?". Durante esta mesa, todos os participantes puideron achegar as súas ideas sobre a relación entre o cordel brasileiro e a poesía política. Pódese ver de novo a mesa redonda no seguinte enlace.

                             

Thursday 20 April 2017

Obxectivos

Obxectivos xerais e específicos do proxecto POEPOLIT


Obxectivos xerais


1. O obxectivo teórico principal será o testado da efectividade e aplicabilidade da noción do “político” para a análise da poesía actual a partir do conxunto das propostas teóricas contemporáneas e das perspectivas que equiparan directamente a poesía coa política ou que as aproximan de forma graduada desde perspectivas e metodoloxías variadas.

2. Outro obxectivo teórico será a preparación dunha argumentación capaz de integrar as perspectivas da poesía actual non lírica, a súa relación co espazo público e co seu contexto sociopolítico.

3. Un dos obxectivos prácticos que dará continuación inmediata ao proxecto anterior é o rexistro e a clasificación de prácticas poéticas en circulación efectiva en relación con aspectos sociopolíticos concretos. Isto inclúe o rexistro e a clasificación correlativa (como tamén a elaboración propia) de propostas metodolóxicas e teórico-críticas concretas que consoliden un marco de referencia para o seu estudo e análise. Os resultados servirán para ampliar a base de datos POESPUBLIC , a cal conta neste momento con máis de 180 rexistros sobre a relación entre poesía actual e espazo público. Estes contidos ampliaranse considerablemente con outros relacionados coa nova liña temática ‘poesía actual e política’ (POEPOLIT).

4. Tendo en conta que o proxecto, tal como xa foi o caso dos dous anteriores, observará fenómenos poéticos provenientes da actualidade en ámbitos culturais diferentes e diversificados (anglófono, español, francófono, galego, xermanófono, hispanoamericano, lusófono, vasco), o intercambio científico e a intensificación da colaboración a través de redes internacionais resulta absolutamente fundamental. Para estes intercambios é necesario crear oportunidades de debate e colaboración en forma presencial a través de congresos, simposios, coloquios ou seminarios.

5. O obxectivo práctico directamente relacionado cos resultados (parciais e xerais) é a presentación de estudos de caso desde perspectivas multidisciplinares e comparadas, referidos non só á produción senón tamén á mediación ou transferencia e á recepción desas prácticas poéticas.


Obxectivos específicos


A) Ámbitos teóricos e transversais

1. A rede de relacións entre (des)información, propaganda, mendacidade e manipulación públicas convertéronse nun dos argumentos principais de debate mediático e confrontación política do século XXI. O filósofo británico Simon Critchley analizou a lóxica subxacente como unha variante do cripto-schmittianismo xurdida da combinación da dobre fantasía do inimigo e a patria. E viu que nela desempeña unha función aglutinadora un pulo despolitizador da ideoloxía de base, resumida en tanto relixión civil. A literatura, o cine e outras linguaxes artísticas detectaron tamén esa lóxica e procederon con dilixencia a incorporala ás súas respectivas axendas no plano temático e na dimensión performativa que lles corresponde como discursos públicos. Ás veces con bo rendemento do que, de novo con Critchley, sería interpretable como unha política feita a distancia do Estado. En relación con iso, unha das características destacadas pola crítica especializada en poesía actual é a recorrente aparición da cuestión da verdade, e de forma subsidiaria, a da realidade, como obxectos prioritarios de indagación. É incluso frecuente encontrarse con propostas críticas que identifican as diferentes poéticas intervenientes sobre a base da súa respectiva aprehensión e representación discursiva da realidade. En ocasións todo isto se formula tendo presente a conceptualización da esfera pública internacional tras Habermas e a noción de World Literature tal como vén sendo formulada por autores como Damrosch, Moretti e outros. Interprétase que unha ferramenta aínda inexplorada no seu rendemento efectivo para clarificar todo isto é a da sociocrítica. Se ben existen propostas analíticas sobre poesía e sociocrítica o certo é que os referentes teóricos fundamentais de esta metodoloxía (Edmond Cros y Peter Zima, entre algúns outros) prestaron sempre atención prioritaria á narrativa. A idea sería, en consecuencia, tendo ben presentes publicacións dalgúns autores canadienses e belgas vinculados coa socioloxía da literatura en xeral (Jacques Dubois, Bernard Lahire, Michel Biron, Pierre Popovic, Anthony Glinoer), e tamén as contribucións de varios membros do grupo de sociocrítica da Universidade de Granada (Antonio Chicharro en especial), acadar unha comprensión global sobre as posibilidades analíticas da sociocrítica fronte á poesía de dimensión pública, en especial fronte ás modalidades que cuestionan que é a verdade/realidade en termos informativos, testemuñais e comunicativos. 

2. Unha das preocupacións da poesía contemporánea estriba en como incidir en transformar a sociedade e en como ser partícipe dos cambios sociopolíticos contemporáneos. As prácticas poéticas actuais xeraron vías de mediación e redes socioculturais coa finalidade de constituír actos performativo-poéticos social e politicamente relevantes e influíntes. Nese contexto, analizaremos (a partir de Casas 2009, Novak 2011 e 2012, Somers-Willett 2003, Lourido 2014, entre outros) diversas prácticas de mediación poética co obxectivo de descubrir que vías se utilizaron para desenvolver e corporeizar a incidencia política. En primeiro lugar, ocuparémonos das teorías poéticas que reflexionan sobre as prácticas de suxeitos subalternos e oprimidos (suxeitos colonizados, transxénero, migrantes, exiliados ou encarcerados), realzando a súa dimensión política e constituíndose en caixa de resonancia. En segundo lugar, para dilucidar as tensións e cruces entre o campo literario e o campo político, analizaremos a posición sistémica dos suxeitos subalternos en ambos campos, o poético e o político. En terceiro lugar, atenderemos á incidencia da poesía e do poético en diferentes movementos sociais e populares (feminismo, ecoloxismo, antimilitarismo, etcétera). Por último, realizaremos un estudo sobre as prácticas performativo-poéticas cuxa relevancia é crucial tanto na praxis dos suxeitos subalternos, como nos hábitos e rituais dos movementos sociais e populares.

3. Tamén exploraremos o lugar da poesía e do poético nas prácticas verbais de intervención política, particularmente nos repertorios de protesta dos movementos sociais contemporáneos. Das consignas, as cancións e os himnos ás pancartas, os chíos no Twitter e os manifestos, pasando polo que máis convencionalmente se entende como poema, analizaranse as alianzas e converxencias entre os discursos poéticos e políticos. Interesa estudar os contextos de produción, uso e circulación destes textos, prestando atención específica a cuestións como a autoría, a dimensión colectiva e a apropiación dos mesmos. Trátase, en definitiva, de avanzar na delimitación da función que desempeña o poético nas culturas de protesta actuais.


4. Unha atención especial merecerá a cuestión da autoría: no espectro da relación entre poesía e política encóntranse certas nocións sobre a figura autorial recuperadas pola academia francesa nos últimos anos e ligadas ao estudo da literatura como discurso. Referímonos ao concepto de posture littéraire, especialmente traballado por Jerôme Meizoz, así como a ethos, image d’auteur ou scène d’énonciation, nos que profundaron Ruth Amossy e Dominique Maingueneau. A súa rendibilidade no campo de estudos sobre a instancia autorial resulta innegable, así como a súa actualidade e vigor, protagonizando monográficos como os últimos números da revista francesa COnTEXTES (2011, 2013) ou o número 3 da revista de Tel-Aviv Argumentation et Analyse du Discours. Como testemuñan múltiples análises, a súa capacidade de axudarnos a repensar o desenvolvemento dos discursos de configuración e figuración da imaxe propia na escena literaria, en reconfiguración permanente, exércese amalgamando retórica, análise do discurso, socioloxía da literatura e textualismo.

5. Outro foco de atención específico, aínda que tamén transversal, será a relación entre poesía e política na cidade neoliberal. Exploraremos temas como a alianza entre linguaxe poético e democracia de alta intensidade no contexto urbano e da poesía como resistencia a (ou parte de) represión, estigmatización e exclusión. Investigaremos diferentes tipos de cidades contemporáneas, entre elas “a cidade revanchista”, a cidade de espectáculos, a cidade global, a capital da cultura. Tamén nos interesan as formas coas cales a poesía e a linguaxe poética se relacionan coa política que caracteriza estes lugares e como exploran novas posibilidades.


B) Liñas temáticas específicas


1. É ben coñecida a liña poética que en Latinoamérica tomou, particularmente desde os anos 60, a vía do compromiso político e a denuncia, un camiño transitado por nomes xa consagrados da lírica como Pablo Neruda, Roque Dalton, Ernesto Cardenal, Juan Gelman, ou Nicanor Parra, por citar só aos máis celebres. O caso de México non foi unha excepción e a súa historia tamén alberga unha rica tradición de poesía política. Esta abrangue, no temático, desde o poema cívico e patriótico ao de exaltación da Revolución de 1910, ou ben a crítica a figuras políticas concretas máis ou menos relevantes; mentres que no xenérico recorre a rexistros tan variados como o soneto, o epigrama ou a sátira, sempre en poemas de moi diversas facturas e extensión. Foi con Efraín Huerta, un dos poetas máis comprometidos do século XX, cando puido apreciarse un cambio no ton á hora de abordar os asuntos do “país de oro y limosna” —modo no que el se refería a México—, do que denuncia aos “vendepatrias”, e aos que se renden ao imperialismo cultural e económico norteamericano. Autores posteriores como Eduardo Lizalde, Gabriel Zaid e Jaime Labastida penetraron tamén neste espazo poético de crítica do abuso e a corrupción. Este último formou parte dun reivindicativo grupo de poetas de grande eco nos anos sesenta, cuxa obra foi reunida na antoloxía “La espiga amotinada”. Unha recuperación en clave posmoderna da antiga tradición latina de crítica política realízana poetas actuais como Héctor Carreto ou Juan Domingo Argüelles. Por outra parte, o xiro artístico do papel aos novos soportes para a escritura non terminou co que foi, desde antigo, a profunda veta da poesía política. Saúl Ibargoyen (uruguaio afincado no país azteca) propón en Facebook epigramas nos que considera aos políticos “bichos muy humanos”. Pero se os poemarios son numerosos e constitúen material suficiente para a realización de varios traballos, non o é menos a cuestión mesma de que consideramos poesía política; é dicir, se o obxecto de estudo se cingue só á esfera estritamente institucional ou vai máis alá, posto que, dentro do político encóntranse, tamén, os asuntos da ecoloxía, a ética (moitos dos textos de José Emilio Pacheco) ou a consideración do home (e do poeta) como ser tolo ou enfermo: alguén que loita sen esperanza pero con fincapé contra un entorno social que o silencia, o destrúe ou o aterroriza. Nesta liña, poetas como Carlos Isla, Francisco Hernández, Eduardo Lizalde, Marco Antonio Campos ou Roberto Bolaño produciron un discurso no que manicomios cheos de seres depravados, deformes e monstruosos ou contedores de lixo repletos de cans e zopilotes son as metáforas máis recorrentes, unha imaxinería da destrución e do desastre desde os que o poeta interpela á sociedade, un modo simbólico, tamén de facer política. Ao mesmo tempo, resultaría imprescindible comprender como as políticas da publicación, bolsas e premios aos traballos de poesía condicionan a temática e o enfoque do político (institucionalización da poesía en México). A actitude seria e profunda da poesía que busca un compromiso ético co seu contexto, apurada por interrogarse sobre o seu entorno político-social, atópase tamén nas poetas nacidas entre 1940 y 1950, a maioría autoras da capital: Elva Macías, Gloria Gervitz, Elsa Cross, Coral Bracho, Pura López Colomé, Carmen Boullosa, Marisa Sirvent, Tedi López Mills, entre outras. A tematización poética inicial destas autoras centrouse na natureza e na memoria. Non obstante, a crise social pola desprofesionalización política que raia no cinismo, a violación dos dereitos humanos, o crime organizado, a excesiva corrupción e a impunidade, empurraron ás poetas mexicanas da década dos corenta e cincuenta a reconsiderar a súa temática poética. Sen apartarse da condición estética que require a poesía, as poetas non se deixaron vencer polas deshumanizadas leis do mercado, por iso os seus respectivos suxeitos poéticos se enfrontan a unha utópica esperanza, pero con contundentes preguntas sobre a realidade político-social do seu entorno sociocultural. No ámbito do proxecto, trátase de vincular os temas da poesía das e dos poetas mexicanos nacidos nas décadas dos 40 e dos 50 co contexto sociopolítico (ecoloxía, ética, corrupción e impunidade) e de explicar a poesía mexicana actual como unha produción simbólica que representa ao ser humano (e ao poeta) contemporáneo como resultado (despoxo, detritus) do caos social, a destrución e a enfermidade, un discurso no que o contedor de lixo e o hospital aparecen como topoi frecuentes. Analizaranse tanto as intertextualidades sociopolíticas entre as poematizacións das e dos poetas mexicanos nacidos nas décadas dos 40 e os 50, como tamén o compromiso político nas tematizacións poéticas das autoras mexicanas nacidas nas décadas dos 40 e 50, xa que os seus poemarios actuais, en relación cos anteriores, teñen unha elevada semantización co contexto sociopolítico ao que pertencen.

2. Continuando coa liña temática latinoamericana, pretendemos establecer unha tipoloxía de espazos públicos en Bélxica, en Chile e en Arxentina que acollen textos poéticos e interpretar o seu valor político a partir do estudo de Marc André Brouillette (2014). Cando estudamos textos no espazo público, penetramos no territorio dunha “ufoloxía literaria”, un término proposto por Christophe Hanna e que remite a unha aproximación na que se ten que desaprender unha certa concepción identificada da literatura e a fortiori da poesía para abrirnos a unha dimensión poética que se experimenta en espazos distintos, non previstos a priori para acoller esta experiencia. A súa característica principal é que estes textos no espazo público requiren ser experimentados antes que interpretados. Concretamente, queremos profundar en dous estudos de caso procedentes do Cono Sur latinoamericano: as accións de arte do poeta chileno Raúl Zurita y do grupo CADA (anos 70 e 80) e os poemas deambulados de Mariano Blatt (anos 2000). A hipótese fundamental que subxace nestes casos de estudo é a ambivalencia fundamental de actos poéticos que dialogan coa persoa que ve e/ou escoita e poden chegar a fomentar conflitos de interpretación que se concibirán como lugares de malentendido ou “mésentente” (Rancière).

3. Aínda no ámbito hispanoamericano, e tamén desde unha perspectiva comparada, buscaremos comprobar se a política e a ideoloxía detrás dela, como tamén a suposta necesidade de transcendela, xogan un papel preponderante nas estratexias de desarticulación e rearticulación da linguaxe y das subxectividades nos poemas e performances de Martín Gubbins (Chile) e Ricardo Boglione (Uruguai). Trátase de entender en que medida poden ser comparadas con estratexias de poetas anglófonos, con certas semellanzas no uso da linguaxe, como Steve McCaffery (Canada), Maggie O’Sullivan e Stephen Mooney (Reino Unido). Outro obxectivo é analizar como se realiza este suposto papel preponderante e que repercusións ten na cuñaxe e exercicio das subxectividades/subxectivización, a carga ideolóxica do poema/performance como fenómeno cultural e a renovación necesaria da linguaxe.

4. Tamén nos propoñemos estudar algúns momentos da poesía hispanoamericana contemporánea, á luz da relación que estas prácticas poéticas teñen co debate crítico latinoamericano das últimas décadas sobre os nexos que unen a dimensión da modernidade coas relacións epistémicas e de poder propias da colonialidade do moderno (Mignolo 1995, 2007; Dussel 1994, 2003; Quijano 1992). De acordo con estes presupostos, a investigación centrarase no estudo de obras que quedarán organizadas nun corpus textual dobre. Por un lado, analizarase un conxunto de textos poéticos actuais, escritos por autores de orixe indíxena, destacando aqueles trazos estilísticos, temáticos e conceptuais que, a través dunha crecente problematización da linguaxe poética, teñen como obxectivo esencial poñer en dúbida os modos cos que, ao longo da modernidade latinoamericana, se imaxinaron e construíron culturalmente as identidades, seguindo oposicións como centro/periferia, hexemónico/subalterno, etc. Dentro desta porción do corpus, destacamos preliminarmente algúns autores que constituirán o punto de partida dos traballos: Humberto Ak’abal, José Luis de Ayala Olazábal, Odi González, César Millahueique e Juan Paulo Wirimilla. Ademais, terase en conta, para unha eventual ampliación do corpus, o recente traballo de recompilación da poesía indíxena contemporánea latinoamericana, feito por Carlos Montemayor (2009). A segunda porción do corpus, estará composta por autores de orixe non indíxena, que non obstante edifican o seu discurso poético a partir dunha contaminación de voces que se pon en marcha a partir do rescate substancial das experiencias e tradicións culturais das poboacións indíxenas. Neste segundo grupo, destacamos, aínda que de maneira provisoria, os nomes de Jorge Eduardo Eielson, Carlos Montemayor y Carlos Pellicer. De acordo cos presupostos do proxecto, o percorrido crítico que nos propoñemos permitirá, a través dos estudos de cada caso, elaborar teoricamente as formas estéticas e as posibilidades políticas das poéticas recentes hispanoamericanas. Trátase de ver como a poesía recupera e reactualiza aquelas tradicións encubertas polo proxecto hexemónico da modernidade (Dussel 1994), como os textos dialogan con algunhas categorías fundamentais do discurso crítico latinoamericano, tales como os conceptos de mestizaxe (Gruzinski 2007), de transculturación (Rama 1982) e de heteroxeneidade non dialéctica (Cornejo Polar 1996, 2003).


5. Outra liña específica estudará as intervencións poéticas na cidade de Los Ángeles. No mapa da literatura estadounidense, Los Ángeles é un non lugar: utopía e páramo urbano, unha pantalla na cal se proxectan fantasías e un deserto que non produce nada de valor, soamente entretementos baratos. Dominado por representacións fabricadas na parte occidental da cidade, en Hollywood e Beverly Hills, Los Ángeles tipicamente se entende como unha cidade de glamour e brillo. Por outro lado, tamén foi xa caracterizada como cidade sinistra, violenta e fría, a pesar da calor que emana das súas anchas rúas e dos seus highways en plataformas altas. Deixando atrás estas narrativas gastadas e cartografías racializadas da cidade, pretendemos investigar a poesía contemporánea en Los Ángeles prestando unha atención particular á intervención de poetas de cor, nas dimensións de raza, xénero e opresión neoliberal. Como interveñen poetas de cor na cidade de Los Ángeles? Cal é a natureza da súa crítica da cidade neoliberal? Cales son os contidos dos seus imaxinarios alternativos á forma da cidade neoliberal? Concretamente, esta liña temática enfocará as obras de Dolores Dorantes, Sesshu Foster, Douglas Kearney, Fred Moten, e da poeta/tradutora Jen Hofer.


6. Outra liña que incidirá sobre un ámbito anglófono combina unha reflexión teórica sobre o impacto do neoliberalismo a mediano e longo prazo no imaxinario e a linguaxe poética, coa análise textual de poemas contemporáneos do Reino Unido, sobre todo de Holly McNish, George The Poet, e Kate Tempest. Reino Unido é un dos países de Europa occidental onde o réxime neoliberal foi política do Estado por máis tempo (desde o principio dos anos 80) dentro de Europa e onde se aliou con poderosos intereses de elites e coa cultura da sociedade de privilexios, autoritaria, racista, sexista e clasista. Neste contexto enfocaranse particularmente posibles interaccións entre a análise cultural e literaria con estratexias de resistencia poética. Estas últimas consisten sobre todo en expoñer e denunciar a normalización de aspectos de inxustiza, racismo, sexismo, fobias colectivas, autoritarismo, etc. e apelan a un público constituído dentro e aprobado polo sistema existente. A hipótese é que a poesía contemporánea contribúe a perpetuar sistemas autoritarios e populistas onde as alternativas xa non son resultado do traballo colectivo, senón dunha esperanza mesiánica enunciada por seres especiais, o que representaría un terrible fracaso de certas críticas anti-capitalistas contemporáneas. Buscarase crear fórmulas de análise que participen na construción de linguaxes, imaxinarios e críticas de alternativas non e anti-capitalistas.

7. No contexto do ámbito lusófono, unha das liñas principais consistirá en potenciar o intercambio transnacional e interuniversitario co Instituto de Literatura Comparada Margarida Losa (ILC - Unidad I+D de la Fundação para a Tecnologia, Portugal) da Universidade do Porto, tendo en conta que é un dos máis destacados institutos académicos especializados en poesía lusófona na actualidade. Especialmente, trátase de facer confluír investigacións en relación aos mecanismos de inclusión e exclusión do canon artístico, aos principios que regulan o establecemento de fronteiras entre as artes e tamén a súa transgresión e/ou superación. Igualmente preténdense expandir, a través do traballo en rede, as investigacións en curso no ámbito das poéticas de resistencia e das características de intermedialidade. As dúas investigadoras do ILC incorporadas ao proxecto pertencen ao Grupo Intermedialidades do mencionado instituto e xa traballan na actualidade sobre as nocións de marxe, fronteira, exclusión e inclusión, no duplo sentido en que estas describen relacións sociopolíticas, pero tamén sobre as relacións entre as artes, as nocións de hibridismo e de resistencia, tanto nunha dimensión estética como tamén ética. É xustamente neste marco que se presenta unha clara complementariedade entre o noso proxecto e o proxecto I+D “Literatura e Fronteiras do Conhecimento: Políticas de Inclusão”, actualmente en curso no ILC. Dunha forma concreta, preténdese 1) integrar corpora provenientes de e sobre a poesía en lingua portuguesa en relación con aspectos políticos, abordados a partir de metodoloxías comparatistas e intermediais; 2) realizar estudos de caso desde o ámbito da poesía lusófona actual e 3) a organización dun dos simposios internacionais previstos polo proxecto (2018).


8. Neste contexto temático e metodolóxico, desenvolverase unha liña de estudo específica sobre o poeta portugués Alexandre O’Neill, un dos fundadores do Grupo Surrealista de Lisboa (1947) e un dos poetas máis importantes da literatura portuguesa do século XX. En toda a súa obra poética revélase o discurso da mentalidade pequeno-burguesa do Portugal dos anos 50-60 e 70-80, rexido polos valores de relixión, traballo, patria e familia que impuxera o ditador António de Oliveira Salazar e os seus seguidores. A súa poesía tamén se caracteriza pola rotura de espazos e experiencias (estética, política, urbana, en relación ao binomio centro-periferia) e a miúdo é precisamente a través destas roturas que transmiten impresións de alcance histórico-cultural, por exemplo, a aceleración do tempo ou a crise continua da experiencia na modernidade (Walter Benjamin). Especialmente nas relacións que establece entre o espazo público, político e estético, a obra de O’Neill evidencia unha negociación entre a intelixibilidade da mensaxe que ameaza con destruír a forma artística e o estrañamento radical que ameaza con destruír o significado político. Estas relacións demostran a actualidade de O'Neill para unha indagación da situación da obra de arte no contexto dunha vida estetizada nas sociedades de entretemento comercial na actualidade. A partir de estudos previos de referencia (p.ex. Nogueira 2011) intentaremos mostrar de que modo o eu dos poemas de Alexandre O’Neill busca respostas para problemas que aparecen sempre interrelacionados, tanto de natureza social e política (Portugal, os portugueses, o fascismo) como literaria (o neorrealismo, o surrealismo, a institución literaria, a obra mestra) e individual (a vertixe do eu ante as continxencias que o rodean e ante a continxencia que el mesmo supón). Moi en particular, queremos entender e mostrar como Alexandre O’Neill se serve da sátira, da ironía e do humor (e de outras formas de expresión relacionadas, como a parodia ou o pastiche) con intencións políticas, e como interpreta e fai fronte aos poderes totalitarios (ideoloxía, política e relixión). Tamén se pretende analizar a súa poesía en relación ás dificultades de aprehensión do mundo e da arte como experiencia e acontecemento (incluso político) a partir das teorías de Alain Badiou e Jacques Rancière. Explorarase unha noción de estética como experiencia concreta, na cal conflúen o radicalismo estético da vangarda e a estetización da existencia común. Algunhas cuestións ligadas á autonomía e a heteronomía na poesía e estética de O’Neill relacionaranse coa ambigüidade que resulta da aspiración política desta poesía que nunca se satisfai por completo, o que tamén se relacionará cunha certa tendencia á melancolía que a caracteriza.


9. En colaboración e en coordinación coas actividades da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo inclúese unha liña de estudo sobre un segundo autor lusófono, que será o Nobel portugués José Saramago, cuxa poesía foi unha das partes máis desatendidas da obra por parte da crítica. Trátase de comparar as principais liñas do ideario político que desenvolveu este autor ao longo da súa vida —cunha gran perseveranza ata a súa morte— coa súa produción poética, cuxa publicación en libro cesa en 1975. Analizarase principalmente o discurso político utópico da súa poesía, pero tamén de outras expresións poéticas que realizou en diferentes xéneros ou formatos (novela, teatro, diario e blog). A partir de estudos previos (Baltrusch 2014) comprobarase a validez de resultados de investigacións anteriores na obra de Saramago para o ámbito poético. Concretamente a súa distancia crítica en relación a un concepto tradicional da utopía e a tensión continua entre pesimismo e optimismo nunha obra que sempre vacilou entre unha concepción marxista da Historia e a súa transformación, ou en “dialéctica negativa” (Adorno) ou en semiótica da resistencia (Tarasti). O principal obxectivo consiste en demostrar como a súa poesía xa anticipa a “utopía como acción continua” que defendeu con grande insistencia ao longo das últimas dúas décadas da súa vida en diferentes foros e soportes, sempre no contexto da problemática relación entre xuízos estéticos e políticos. Tamén se procederá a unha lectura crítica da expresión poética da obra desde a súa defensa, manifestada en diferentes ocasións, de que o político xa non pode representar un modelo estético como categoría unificadora e de que o estético xa non serve como modelo para o político. Finalmente, intentarase argumentar a partir da produción poética que o discurso estético saramaguiano reclama unha reformulación politizada do sensus communis aestheticus kantiano (Crítica del Juicio, §40) a partir da idea do “texto-traducción”, desenvolvido nos últimos anos de vida.

10. Outra liña de traballo dentro do ámbito lusófono refírese á produción poética de autoría feminina, a cal aínda non se encontra representada no sistema cultural de maneira igualitaria. A pesar de que, a nivel internacional, os estudos de xénero xa superaron as cuestións simplemente identitarias, no ámbito da lusofonía aínda hai unha necesidade de incorporar a autoras no canon, sobre todo a aquelas con obras con carácter reivindicativo e social. Preténdese facer unha cartografía dos estudos sobre a produción poética de autoría feminina en lingua portuguesa: brasileira, africana e portuguesa, a partir da segunda metade do século XX, e baixo cuestións que se refiren á muller e as súas reivindicacións socioculturais e políticas, a fin de incluír os resultados na base de datos. Tamén se proxectan estudos de caso de expresións poéticas da actualidade lusófona.