Showing posts with label Antonio Méndez Rubio. Show all posts
Showing posts with label Antonio Méndez Rubio. Show all posts

Sunday, 29 October 2017

Visitas de Antonio Méndez Rubio e Alethia Alfonso á Universidade de Vigo

O pasado 26 de outubro de 2017, a FFT da Universidade de Vigo contou coa visita de dous grandes investigadores da literatura: pola mañá, o poeta, ensaísta e profesor Antonio Méndez Rubio impartiu unha  conferencia titulada "Poetizar lo común (perdiendo el mundo)", e, pola tarde, a mexicana Alethia Alfonso deu un seminario co nome "Diferencias entre ecopoética y ecocrítica". Ambos reflexionaron sobre o estado da relación actual entre poesía e política contemporáneas. 


O poder do poético, a tiranía da estética e a sensación de estar perdendo o mundo na conferencia de Méndez Rubio

A intervención do poeta e investigador Antonio Méndez Rubio comezou coa proxección dunha curta de animación de Steve Cutts que ilustraba a sensación de malestar que, para o profesor valenciano, caracteriza o noso momento histórico.Vivimos dominados pola sensación de estar perdendo o mundo e coa idea de que só a estética nos pode salvar ("en un mundo perdido y sin ética, a las personas sensibles solo nos queda la estética" afírmase no cómic Máquina Baja citado polo conferenciante). Seguindo as teorías de grandes estudosos como Foucault, Rancière ou Derrida, Méndez Rubio tentou explicar a diferenza entre o poético e o estético, así como as implicacións de vivir nun mundo estetizado. Mentres que a estética se centra no emisor, a poesía fai o propio coa mensaxe. Na actualidade, a poesía estúdase como unha parte da literatura, que á súa vez, forma parte do artístico ou do estético, incluído dentro do social. Este pequeno espazo que se lle dedica á poesía, sempre baixo o dominio da estética, implica que non se pode exprimir o poético ao máximo e, polo tanto, as funcións e o poder da poesía, redúcense. A función poética, centrada na mensaxe, aparece baixo o poder do estético e da súa función expresiva (centrada no emisor), polo que podemos afirmar que estamos a sufrir unha substitución do poético polo estético e do político polo ético. Partimos da idea sinalada por Rancière de que a arte é política pola pragmática social que propón e que se fai dunha forma estética, pero a estética e a política poden ser unha asociación perigosa. O problema é cando estetizamos a política, concedéndolle máis importancia á función expresiva da linguaxe cá propia mensaxe que transmitimos. Isto ocorreu durante os diferentes réximes fascistas (cuestión xa estudada por Méndez Rubio no seu ensaio FBI, Fascismos de Baja Intensidad). Se o artístico só se fai estético, elimínase o poético e a súa capacidade transformadora do mundo. 

A substitución da poesía pola estética pode crear unha sensación de autocompracencia e de superficialidade, símbolos da sociedade "neofascista" na que vivimos. O profesor e poeta usa este termo para caracterizar a nosa realidade mercantilizada e sen capacidade crítica. Cambiamos a mensaxe do poético pola satisfacción do expresivo baleiro e prodúcese como resposta unha fuga da realidade, que nos leva á sensación de estar a perder o mundo. Un exemplo que ilustra ben isto é o caso dos selfies e a necesidade de autocompracencia e recoñecemento. Os selfies preséntanse como o paradigma desta sociedade "neofascista", estetizada pero sen unha verdadeira mensaxe. Como resposta a isto, prodúcese unha evasión da realidade para a que nos resgardamos na nosa coiraza. Ante unha sociedade neofacista, baleira, sen mensaxe, evadímonos da realidade e escondémonos. A mellor metáfora para describir a situación actual dunha sociedade marcada polo mercado e a lei da estética é a dun cangrexo ermitán que non quere saír para non perder a seguridade da súa cuncha, imaxe que proxectou o poeta durante a súa conferencia.

Polo tanto, na nosa sociedade estetizada, protexémonos na nosa cuncha contra o poético, porque sabemos que é precisamente isto o que pode tranformar o mundo. Para tentar modificar o noso espazo común, debemos intentar poñer en relación o político e o poético. O único que nos pode librar da sensación de perder o mundo é, polo tanto, a busca dun novo concepto de poesía que non só se centre no estético (como a chamada "Poesía da expresión" dos anos 80 e 90, xa analizada por Antonio Méndez Rubio no seu ensaio La destrucción de la forma y otros escritos sobre poesía y conflicto, 2008), senón que tamén interveña sobre o espazo político dunha forma crítica. Pódese ver toda a conferencia impartida por Antoniuo Méndez Rubio na seguinte ligazón. 




Ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica durante o seminario aberto de Alethia Alfonso

Durante o seminario que Alethia Alfonso impartiu esa mesma tarde, a investigadora mexicana tentou describir a ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica, tres novas formas de achegarnos á poesía que nacen como unha hibridación entre os estudos medioambientais e o estudo temático dunha obra e cuxo obxectivo é o de entender a forma na que nos relacionamos co medio no que vivimos. 

A ecopoesía nace ligada á fenomenoloxía, xa que nos coloca en relación co medio. Algúns dos estudosos principais deste movemento son Pollock, Reilly e Rigby. Entre as principais manifestacións de ecopoesía podemos encontrar a poesía nacionalista do século XIX ou a poesía bucólica e pastoril. 

Pola súa banda, a ecocrítica nace coa unión de diversas áreas de estudo (en concreto, da ecoloxía e da crítica) nunha universidade dos Estados Unidos. Froito desta unión, nace a idea de que cada poema é fillo do seu tempo e que todo se relaciona co medio ambiente no que é creado. Unha das vertentes principais é a da materialidade da linguaxe, que implica que o uso ou a práctica da linguaxe é distinta en cada texto, pois non existe unha linguaxe universal, senón unha semellanza familiar. Esta idea foi exposta, por primeira vez  por D. Bleich, baseándose, á súa vez, en Wittgenstein. 

Por último, a biosemiótica fundouse en Moscova e plantexa a idea de que todos os entes do planeta son capaces de crear semiose entre si. Un exemplo de semiose sería a linguaxe humana, que non só serve para comunicarnos mellor, senón para moldear o mundo á nosa visión. A forma na que modificamos o noso mundo créanos conflitos con outros animais, xa que non somos os únicos que facemos semiose. Entre os estudos máis salientables deste movemento podemos destacar a James Shapiro, que chegou a plantexar que a interpretación dos xens era unha forma de crear poesía; ou tamén a Thoreau e a Emerson, que durante o século XIX entenderon a natureza como unha forma de conectar mellor con Deus. 

Estas tres novas formas de achegarnos á literatura, á parte de crear unha forma de estudo interdisciplinar, permiten analizar as diferentes culturas como se fosen ecosferas e, partindo de esquemas como o da ecoloxía, estudar a relación de poder e equilibrio que se establece entre as distintas culturas do mundo. Pódese ver toda o seminario impartido pola profesora na seguinte ligazón. 




Máis información sobre estas dúas visitas no Diario Oficial da Universidade de Vigo (DUVI): 


https://duvi.uvigo.gal/contenido/artigos/cultura/2017/10/artigo_0021.html

http://tv.uvigo.es/es/serial/3239.html

Friday, 27 October 2017

Coloquio con Antonio Méndez Rubio

Tras a súa intervención na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde deu unha interesante conferencia baixo o nome "Poetizar lo común", Antonio Méndez Rubio dirixiuse a Santiago de Compostela para presentar e dialogar sobre dúas das súas últimas obras: ¡Suban a bordo! (Introducción al fascismo de baja intensidad) e o libro de poemas Por nada del mundo. Xunto ao poeta e ensaísta, estiveron o profesor Arturo Casas e a crítica Ana Salado, que reflexionaron, entre outras cousas, sobre poética, poesía e poesía política.

                                     

                                     

Friday, 20 October 2017

Conferencia de Antonio Méndez Rubio

O proxecto POEPOLIT e a Cátedra Internacional José Saramago comprácense a convidar á conferencia do poeta e profesor Antonio Méndez Rubio, Premio Ojo Crítico de Radio Nacional de España (2005), sobre


Poetizar lo común (perdiendo el mundo)


que terá lugar o vindeiro xoves, día 26 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Graos (B3) da Facultade de Filoloxía e Tradución.


Breve resumo:

La relación entre política y poética se ve más que nunca fracturada por un mundo en crisis. Esta incomunicación entre lo poético y lo político se desplaza a menudo, de una forma sublimada, hacia la relación entre estética y ética. Pero lo más frecuente es que "poiesis" y "politeia" estén aprendiendo a subsistir en una soledad que las condena a la esterilidad. En una era neofascista, en los límites de una subjetividad agujereada, ¿qué opciones quedan para que esa soledad se convierta en una nueva forma de comunicación, de vínculo crítico, de seducción?

Antonio Méndez Rubio (Fuente del Arco, Badajoz, 1967) reside en Valencia, onde é profesor de Comunicación Audiovisual na UV e onde participou en diversos colectivos de acción cultural e sociopolítica. A súa infancia forma parte das emigracións dos anos setenta, primeiro en Galicia e logo na perifería obreira de Valencia. De familia de clase traballadora, accede aos estudos universitarios e a realizar un doutoramento interdisciplinar en comunicación, filosofía e estudos culturais. Entre 1990 e 2010, participa activamente en diversos espazos de intervención social como Unión de Escritores, Comunidad Ignacio Ellacuría, Asociación de Vecinos Malvarrosa, Foro Social de las Artes ou CGT, entre outros. Recoñecido como un dos poetas máis destacados da súa xeración, colaborou con distintos medios de información e sensibilización, e publicou varios libros e ensaios sobre crítica cultural (cf. infra.).

A súa obra poética destácase pola súa forma de entender o compromiso e a crítica social desde unha posición non realista, que dá prioridade ao traballo lingüístico, e que tenta deconstruír as nocións convencionais de identidade, realidade ou subxectividade. 



Obras de Antonio Méndez Rubio


Poesía 
El fin del mundo. Madrid, Hiperión, 1995. 
Un lugar que no existe. Barcelona, Icaria, 1998. 
Trasluz. Madrid, Calambur, 2002. 
Por más señas. Barcelona, DVD, 2005. 
Historia del daño (Selección poética 1990-2005). Valencia, Germanía, 2006. 
Para no ver el fondo. Tenerife, Ediciones Idea, 2007. 
Razón de más. Tarragona, Igitur, 2008. 
¿Ni en el cielo?. Valencia, Editorial Azotes Caligráficos, 2008. Edición manuscrita con grabados de Javier Fernández de Molina; Logroño, Ediciones 4 de Agosto, 2011). 
Extra. Madrid, Biblioteca Nueva, 2010. 
Cuerpo a Cuerpo. Tenerife, Baile del Sol, 2010. 
Siempre y cuando. Madrid, Abada Editores, 2011. 
Historia del cielo (Antología poética 2005-2011). Madrid, Amargord, 2012. 
Va verdad. Madrid/México, Vaso Roto, 2013. 


Ensaio
Poesía y utopía. Valencia, Episteme, 1999. 
Poesía sin mundo: Escritos sobre poética y sociedad 1993-2003. Mérida, Editora Regional de Extremadura, 2004. 
La destrucción de la forma (y otros escritos sobre poesía y conflicto). Madrid, Biblioteca Nueva, 2008. 
Ullanesca. Madrid, Del Centro Editores, 2012. 
Abierto por obras: Ensayos sobre poética y crisis. Madrid, libros de la resistencia, 2016. 
Encrucijadas: Elementos de crítica de la cultura. Madrid, Cátedra, 1997. 
La apuesta invisible: Cultura, globalización y crítica social. Barcelona, Montesinos, 2003. 
Perspectivas sobre comunicación y sociedad. Valencia, Universitat de València, 2004. 2ª Ed. 2008. 
La desaparición del exterior: Cultura, crisis y fascismo de baja intensidad. Zaragoza, Eclipsados, 2012. 
(FBI) Fascismo de baja intensidad. Santander, La Vorágine, 2015. 
Comunicación, cultura y crisis social. Temuco, Universidad de La Frontera, 2015. 
Comunicación musical y cultura popular. Valencia, Tirant lo Blanch, 2016.