Monday, 5 February 2018

Novas publicacións sobre poesía e espazo público: os últimos números de E-Lyra e Lettres Romanes

A idea da poesía como un "campo expandido" e a súa relación co espazo social son cuestións moi actuais e que definen algúns dos intereses principais da poesía contemporánea. Estas cuestións relacionánse tamén co proxecto anterior a PoePolit, POESPUBLIC, a partir do que se realizou unha base de datos onde se recolleron os principais resultados das pesquisas. Non é de extrañar, polo tanto, que continúen aparecendo estudos sobre o tema. Un exemplo son os dous últimos números das revistas E-Lyra e Lettres Romanes, que inclúen unha reflexión sobre esta cuestión: a primeira, a partir dun número especial sobre poesía e performance e, a segunda, a través dun dossier dedicado integramente á relación da poesía co espazo público. 

Lettres Romanes é unha revista editada pola Université Catholique de Louvain (Bélxica) e publicada anualmente pola editora Brepols. Ten como áreas de estudo as literaturas romances, especialmente desde o punto de vista da súa historia e inclúe artigos, recensións literarias e notas bibliográficas. Esta revista preséntase como un elemento fundamental para estudar e coñecer en profundidade a literatura en linguas románicas. O seu último número, inclúe un dossier, coeditado por Geneviève Fabry e Stéphanie Vanasten, dedicado ao estudo da poesía e o espazo público. No seu interior podemos encontrar artigos do recoñecido estudoso Jan Baetens sobre lectura e performance ou tamén unha reflexión de Arturo Casas, membro de PoePolit, titulada "The Real and the Public in Recent Critical Poetry (with a Note on Antonio Méndez Rubio’s Work)". 

A revista dixital E-Lyra publícase cada seis meses pola rede de investigación internacional LyraCompoetics. Ten como obxectivo o estudo da poesía moderna e contemporánea e acolle contribucións de diferentes investigadores e investigadoras interesados na análise crítica de poesía, arte e cultura. Sérvese, principalmente, de instrumentos comparatistas e perpectivas interartísticas que axuden a entender a poesía desde un punto de vista global. Hoxe en día é unha das ferramentas indispensables para achegarse ao estudo da poesía no ámbito lusófono, así como para pensar de forma crítica a literatura. Xa está dispoñible un novo número, o décimo, coeditado por Leonardo Gandolfi e Luciana di Leone e que ten como tema principal estudar a relación entre poesía e performance.

O próximo número da revista E-Lyra, coeditado por Alethia Alfonso (Universidad Iberoamericana, México), Cristina Tamames e Alba Cid (Universidade de Santiago de Compostela) e Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo) estará dedicado integramente ao estudo da poesía e política. Xa se poden enviar as diferentes propostas escritas en lingua galega, española, inglesa ou portuguesa e que traten algunha das temáticas relacionadas coa poesía e os rexímenes actuais. Para máis información, pódese consultar o chamamento a artículos, publicado neste mesmo blog.

No comments:

Post a Comment