Thursday, 21 September 2017

Xornadas Nicolás Guillén e El son entero

Durante os días 20 e 21 de setembro celebrouse na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC) as Xornadas Nicolás Guillén e El son entero, como conmemoración do II Congreso Internacional de escritores para a defensa da cultura (1937) e a publicación de El son entero (1947). Na historia da poesía hispanoamericana sobresae unha importante liña de poesía política que abrangue, no temático, desde o poema cívico ou o patriótico ao de exaltación das revoluxións, a denuncia das inxustizas ou a crítica a persoas e institucións; mentres que no xenérico recorre a rexistros tan variados como o soneto, o epigrama ou a sátira, sempre en poemas de extensión moi diversa. É ben coñecida a corrente poética que en Latinoamérica tomou no século XX a vía do compromiso político e a denuncia, un camiño transitado por nomes consagrados da lírica como Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Efraín Huerta, Roque Dalton o Ernesto Cardenal por citar só aos máis célebres. Algúns dos mencionados participaron no congreso de escritores de Valencia en 1937, acontecemento que selou o compromiso dos poetas coa II República e a repulsa dos horrores da Guerra Civil. Iniciaron así unha longa produción na que incursionaron a fondo no espazo poético da denuncia do abuso e da inxustiza social ou o imperialismo cultural e económico norteamericano.

Pero se os poemarios son numerosos e constitúen material suficiente para a análise e o debate, non o é menos a cuestión mesma de que consideramos poesía política; é dicir, o noso obxecto de estudo non se cingue só á idea no seu aspecto estritamente social e institucional. Na nosa visión, o político vai alén: se a linguaxe é o sistema a través do que o ser humano representa a súa relación coas normas e a colectividade, serán tamén político asuntos como a ecoloxía, a ética ou a consideración do home (e do poeta) como denunciador, testigo, ser tolo e enfermo, alguén que loita contra un entorno social que o silencia, o destrúe ou o aterroriza. 

Por estas razóns, a Cátedra de Cultura Cubana "Alejo Carpentier" da USC traballa na conmemoración de dous efemérides culturais vinculadas á historia e ás culturas española e hispanoamericana que terán lugar no ano 2017. Por outro lado, en 1947 o poeta cubano publicaba El son entero, obra de medulares reflexións sobre a esencia da cultura cubana nas súas orixes española e africana. Para recordar estes acontecementos e analizar a imbricación do político e o poético realizáronse estas Xornadas en Lugo que incluíron tamén unha mesa redonda sobre poesía política.

No comments:

Post a Comment