Thursday, 14 December 2017

Poesía e política nas II Xornadas Internacionais José Saramago

Durante os pasados días 4 e 5 de decembro celebráronse, na Casa das Campás de Pontevedra, as II Xornadas José Saramago organizadas pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e co apoio do proxecto de investigación POEPOLIT. Esta segunda edición xiraba arredor de tres eixos: comunicación, arte e política e, precisamente estes foron os temas principais de grande parte das comunicacións e conferencias ofrecidas ao longo das xornadas. Son varias as conclusións/consideracións que se poden extraer do diálogo que se produciu nas once comunicacións e conferencias ofrecidas estes días. En primeiro lugar, salientouse xa desde o acto de apertura -á cargo do cofundador da cátedra Burghard Baltrusch; a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; e o Vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho- a capacidade interartística da obra de Saramago, algo que ratificaron, entre outros, a profesora da Universidade Sorbonne Nouvelle Egídia Souto, quen demostrou o poder imaxético dos textos saramaguianos na súa conferencia titulada "As intermitências da morte ou a tentação para celebrar as danças macabras: o esqueleto apaixonado". Alí comparou a representación da morte na novela As intermitências da morte con diversas formas de ilustrala e recreala na tradición occidental -como as danzas macabras. É precisamente este poder visual nas obras de Saramago o que fai tan importante unha análise das ilustracións que acompañan os seus libros, tema que foi tratado en varias das conferencias. Por un lado, Carlos Nogueira (Universidade de Vigo) fíxoo na súa análise do libro infantil "A maior flor do mundo" e da curtometraxe que se fixo baseándose nel. Durante a conferencia de clausura, Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo) analizou e comparou a historia contada nos versos saramaguianos de O ano de 1993 e a que contan as ilustracións de Graça Morais para a edición do libro de 1987.


Foi esta forte relación entre a literatura e as outras artes que se encontra nos libros de Saramago o que permitiu levar a cabo tres proxectos interdisciplinares con alumnos de diversos graos da Universidade de Vigo: por unha banda, o grupo de innovación docente ComTecArt uniu os coñecementos do estudantado de Ciencias das Telecomunicacións e de Comunicación Audiovisual para que xuntos creasen videoxogos inspirados no libro A viagem do elefante, de Saramago. Os asistentes ás xornadas puideron probar durante a tarde do luns o resultado deste proxecto e as reinterpretacións lúdicas que se fixeron da obra do autor luso. Os outros dous proxectos que se puxeron en marcha no marco destas Xornada tiveron como protagonista ao estudantado do Mestrado de Animación e de Libro Ilustrado da Universidade de Vigo. Os e as alumnas de primeiro ano, nun proxecto coordinado polo profesor José Chavete e dirixido pola estudante Beatriz Gregores, mostraron os primeiros resultados da curtametraxe de animación baseada no conto A ilha desconhecida. Pola súa banda, os alumnos de segundo ano explicaron o seu proceso de traballo e posteriormente proxectaron as cinco animacións da "Passarola" sobre as que traballaron durante os últimos meses. 



              


                                 



Ao longo destes dous días de reflexión sobre a obra do autor portugués, tentouse poñer énfase tamén na mensaxe política que transmiten as obras de Saramago. Durante a conferencia de apertura realizada por Ana Paula Arnaut (Universidade de Coimbra), cuxo obxecto de estudo era a Memorial  convento, repensouse a Historia de Portugal, contrapoñéndoa coas pequenas historias que poboan a novela de Saramago. Así, o autor portugués recupera aos heroes anónimos que axudaron a construír a nación portuguesa e que foron esquecidos no momento de construír un discurso oficial da nación portuguesa. Nesta obra, polo tanto, Saramago contrapón aos heroes oficiais, que a miúdo sofren un proceso de rebaixamento ao mundo corpóreo e de caricatura, con heroes descoñecidos aos que saca do anonimato para ficcionalizalos, como é o caso de Blimunda. Este personaxe é precisamente o escollido polo profesor Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo) para realizar a súa conferencia "A goodness that is forgetful of himself"- Reflexões sobre a Blimunda de Memorial de convento. A través das teorias de Jacques Derrida reflexionou sobre as formas de construír este personaxe emblemático da obra saramaguiana e que desafía os discursos hexemónicos. 
A última conferencia ofrecida o primeiro día das xornadas, "Biopolítica como categoría política transversal na ficción de José Saramago", realizada por Xosé Luis Fernández Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela), salientou o aspecto político presente en toda a obra de Saramago e, concretamente, en tres das súas novelas principais O ano da morte de Ricardo Reis, Memorial do Convento e Ensaio sobre a cegueira. Ao abeiro de ferramentas de análise política como as proporcionadas por Rancière, o investigador propón unha lectura política das obras do autor portugués. 

Esta proposta retomouna, durante o segundo día das xornadas, Carlos Nogueira (Universidade de Vigo) na súa reflexión sobre os libros de Saramago dirixidos aos máis novos, O lagarto e A maior flor do mundo, que tamén permiten unha análise da sociedade e do contexto político do momento. Por último, Uxío Couto, que realizou unha intervención sobre o filme Blindness (adaptación que Fernando Meirelles fixo da novela de Saramago Ensaio sobre a cegueira) e a súa posible dobraxe ao galego. Lanzou unha pregunta que podemos considerar tamén política: "por que aínda non existe unha dobraxe ao galego do filme?". 


Cómpre salientar tamén como se reivindicou a poesía política de Saramago a través de dúas intervencións sobre un dos libros máis esquecidos do autor portugués, O ano de 1993. En primeiro lugar, Antía Monteagudo analizou de que forma a cidade se converte nun espazo opresivo e represivo onde converxen diversos episodios crueis da historia e numerosas ideoloxías negativas para o progreso humano: ditaduras, guerras, a sociedade do espectáculo ou a tecnoloxía sen control. Pola súa banda, Burghard Baltrusch analizou o aspecto político tanto nos versos de Saramago como nas ilustracións de Graça Morais. 





Máis fotografías sobre as II Xornadas Internacionais José Saramago:





Lugares onde encontrar máis información sobre as xornadas:





Sunday, 12 November 2017

II Xornadas Cátedra Internacional José Saramago

Os días 4 e 5 de decembro de 2017 celebraranse na Casa das Campás (Pontevedra) as II Xornadas da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. Esta nova edición ten como eixo principal a celebración do tricentenario do Convento de Mafra e os 35 anos da publicación do libro Memorial de Convento (1982). Arredor deste acontecemento, organizaranse actividades interdisciplinares dedicadas tanto a especialistas de distintas áreas como ao público xeral. Así, colaborarán nas xornadas estudantes de Filoloxía Galega e Portuguesa, Belas Artes, Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, que axudan na organización, participan nas comunicacións ou forman parte dos debates. Para máis información, pódese ler a entrevista que o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) lle realizou a Burghard Baltrusch, un dos seus organizadores. Unha das cuestións fundamentais que percorre gran parte dos actos académicos, didácticos e de divulgación será a de reflexionar sobre o pensamento ético e político de José Saramago, así como as súas accións e a súa poesía política. As conferencias que versan sobre o pensamento político serán varias e de distinta orde. Para comezar, Ana Paula Arnaut (Universidade de Coimbra), fará unha investigación sobre a H(h)istoria que se reflexa na obra arredor da cal xiran estas xornadas, Memorial do convento, onde emerxe directamente a ideoloxía de José Saramago e as súas principais preocupacións políticas: defensa dos oprimidos, importancia da muller, crítica á relixión ou a loita entre ser humano/Deus.

Sobre o pensamento político que atravesa transversalmente as obras do autor tamén vai reflexionar José Luis Fernández Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela) na súa comunicación. Este investigador levará a cabo unha lectura das novelas Memorial do Convento, O ano da Morte de Ricardo Reis e Todos os nomes baixo o lente da teoría política e tendo moi presentes a actual tendencia de estetizar o político e politizar o literario.

Outra das formas de política que será analizada durante as II Xornadas Saramago será a do feminismo, en especial, arredor da figura de Blimunda, un dos personaxes principais da obra Memorial de convento. O profesor e investigador Burghard Baltrusch reflexionará, a partir das ideas de Jacques Derrida, sobre os discursos que constrúen esta personaxe. Por último, será este mesmo investigador o que nos fará unha interesante reflexión sobre poesía e política a través da obra O ano de 1993 e as ilustracións que Graça Morais fixo para a segunda edición do libro (ano 1987). Baltrusch defenderá a idea de que este diálogo intersemiótico produce un choque sensible e perceptivo característico da arte política (Rancière 2013).

Para máis información, pódense consultar os resumos de todas as conferencias, así como o programa oficial na páxina da I Cátedra Internacional José Saramago ou no seguinte enlace: programa_xornadas.


                               

Sunday, 29 October 2017

Visitas de Antonio Méndez Rubio e Alethia Alfonso á Universidade de Vigo

O pasado 26 de outubro de 2017, a FFT da Universidade de Vigo contou coa visita de dous grandes investigadores da literatura: pola mañá, o poeta, ensaísta e profesor Antonio Méndez Rubio impartiu unha  conferencia titulada "Poetizar lo común (perdiendo el mundo)", e, pola tarde, a mexicana Alethia Alfonso deu un seminario co nome "Diferencias entre ecopoética y ecocrítica". Ambos reflexionaron sobre o estado da relación actual entre poesía e política contemporáneas. 


O poder do poético, a tiranía da estética e a sensación de estar perdendo o mundo na conferencia de Méndez Rubio

A intervención do poeta e investigador Antonio Méndez Rubio comezou coa proxección dunha curta de animación de Steve Cutts que ilustraba a sensación de malestar que, para o profesor valenciano, caracteriza o noso momento histórico.Vivimos dominados pola sensación de estar perdendo o mundo e coa idea de que só a estética nos pode salvar ("en un mundo perdido y sin ética, a las personas sensibles solo nos queda la estética" afírmase no cómic Máquina Baja citado polo conferenciante). Seguindo as teorías de grandes estudosos como Foucault, Rancière ou Derrida, Méndez Rubio tentou explicar a diferenza entre o poético e o estético, así como as implicacións de vivir nun mundo estetizado. Mentres que a estética se centra no emisor, a poesía fai o propio coa mensaxe. Na actualidade, a poesía estúdase como unha parte da literatura, que á súa vez, forma parte do artístico ou do estético, incluído dentro do social. Este pequeno espazo que se lle dedica á poesía, sempre baixo o dominio da estética, implica que non se pode exprimir o poético ao máximo e, polo tanto, as funcións e o poder da poesía, redúcense. A función poética, centrada na mensaxe, aparece baixo o poder do estético e da súa función expresiva (centrada no emisor), polo que podemos afirmar que estamos a sufrir unha substitución do poético polo estético e do político polo ético. Partimos da idea sinalada por Rancière de que a arte é política pola pragmática social que propón e que se fai dunha forma estética, pero a estética e a política poden ser unha asociación perigosa. O problema é cando estetizamos a política, concedéndolle máis importancia á función expresiva da linguaxe cá propia mensaxe que transmitimos. Isto ocorreu durante os diferentes réximes fascistas (cuestión xa estudada por Méndez Rubio no seu ensaio FBI, Fascismos de Baja Intensidad). Se o artístico só se fai estético, elimínase o poético e a súa capacidade transformadora do mundo. 

A substitución da poesía pola estética pode crear unha sensación de autocompracencia e de superficialidade, símbolos da sociedade "neofascista" na que vivimos. O profesor e poeta usa este termo para caracterizar a nosa realidade mercantilizada e sen capacidade crítica. Cambiamos a mensaxe do poético pola satisfacción do expresivo baleiro e prodúcese como resposta unha fuga da realidade, que nos leva á sensación de estar a perder o mundo. Un exemplo que ilustra ben isto é o caso dos selfies e a necesidade de autocompracencia e recoñecemento. Os selfies preséntanse como o paradigma desta sociedade "neofascista", estetizada pero sen unha verdadeira mensaxe. Como resposta a isto, prodúcese unha evasión da realidade para a que nos resgardamos na nosa coiraza. Ante unha sociedade neofacista, baleira, sen mensaxe, evadímonos da realidade e escondémonos. A mellor metáfora para describir a situación actual dunha sociedade marcada polo mercado e a lei da estética é a dun cangrexo ermitán que non quere saír para non perder a seguridade da súa cuncha, imaxe que proxectou o poeta durante a súa conferencia.

Polo tanto, na nosa sociedade estetizada, protexémonos na nosa cuncha contra o poético, porque sabemos que é precisamente isto o que pode tranformar o mundo. Para tentar modificar o noso espazo común, debemos intentar poñer en relación o político e o poético. O único que nos pode librar da sensación de perder o mundo é, polo tanto, a busca dun novo concepto de poesía que non só se centre no estético (como a chamada "Poesía da expresión" dos anos 80 e 90, xa analizada por Antonio Méndez Rubio no seu ensaio La destrucción de la forma y otros escritos sobre poesía y conflicto, 2008), senón que tamén interveña sobre o espazo político dunha forma crítica. Pódese ver toda a conferencia impartida por Antoniuo Méndez Rubio na seguinte ligazón. 




Ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica durante o seminario aberto de Alethia Alfonso

Durante o seminario que Alethia Alfonso impartiu esa mesma tarde, a investigadora mexicana tentou describir a ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica, tres novas formas de achegarnos á poesía que nacen como unha hibridación entre os estudos medioambientais e o estudo temático dunha obra e cuxo obxectivo é o de entender a forma na que nos relacionamos co medio no que vivimos. 

A ecopoesía nace ligada á fenomenoloxía, xa que nos coloca en relación co medio. Algúns dos estudosos principais deste movemento son Pollock, Reilly e Rigby. Entre as principais manifestacións de ecopoesía podemos encontrar a poesía nacionalista do século XIX ou a poesía bucólica e pastoril. 

Pola súa banda, a ecocrítica nace coa unión de diversas áreas de estudo (en concreto, da ecoloxía e da crítica) nunha universidade dos Estados Unidos. Froito desta unión, nace a idea de que cada poema é fillo do seu tempo e que todo se relaciona co medio ambiente no que é creado. Unha das vertentes principais é a da materialidade da linguaxe, que implica que o uso ou a práctica da linguaxe é distinta en cada texto, pois non existe unha linguaxe universal, senón unha semellanza familiar. Esta idea foi exposta, por primeira vez  por D. Bleich, baseándose, á súa vez, en Wittgenstein. 

Por último, a biosemiótica fundouse en Moscova e plantexa a idea de que todos os entes do planeta son capaces de crear semiose entre si. Un exemplo de semiose sería a linguaxe humana, que non só serve para comunicarnos mellor, senón para moldear o mundo á nosa visión. A forma na que modificamos o noso mundo créanos conflitos con outros animais, xa que non somos os únicos que facemos semiose. Entre os estudos máis salientables deste movemento podemos destacar a James Shapiro, que chegou a plantexar que a interpretación dos xens era unha forma de crear poesía; ou tamén a Thoreau e a Emerson, que durante o século XIX entenderon a natureza como unha forma de conectar mellor con Deus. 

Estas tres novas formas de achegarnos á literatura, á parte de crear unha forma de estudo interdisciplinar, permiten analizar as diferentes culturas como se fosen ecosferas e, partindo de esquemas como o da ecoloxía, estudar a relación de poder e equilibrio que se establece entre as distintas culturas do mundo. Pódese ver toda o seminario impartido pola profesora na seguinte ligazón. 




Máis información sobre estas dúas visitas no Diario Oficial da Universidade de Vigo (DUVI): 


https://duvi.uvigo.gal/contenido/artigos/cultura/2017/10/artigo_0021.html

http://tv.uvigo.es/es/serial/3239.html

Friday, 27 October 2017

Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador"

Este ano celebrouse a sexta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador", un proxecto organizado por Yolanda Castaño coa colaboración do Consello de Cultura e do concello de Redondela, entre outros. Esta pioneira iniciativa (pioneira no noso país, pero similar á realizada noutros estados) reúne un conxunto de poetas e traductores de diferentes linguas que durante unha semana se xuntan na Illa de San Simón e, a través dun idioma común, tradúcense uns aos outros. Nas anteriores edicións sempre se usou como lingua ponte o inglés, pero este ano, tentouse evitar a hexemonía da cultura anglófona e usouse como intermediario o portugués. As actividades foron alén da tarefa de tradución realizada na illa de San Simón e incluíron recitais en Vigo, Pontevedra ou Redondela. 


                                 


Os convidados deste ano foron Hu Xudong (chinés), Francesca Cricelli (italo-brasileira), Antón García (asturiano), Tomica Bajsić (Croacia), Rita Dahl (Finlandia) e Estevo Creus (Galicia). Xusto antes de embarcarse nesta aventura de tradución poética, tivemos a sorte de contar coa presenza de Hu Xudong na FFT de Vigo, que nos falou sobre "Traducir a poesía brasileira para o chinés: experiencias dun poeta e tradutor". Na súa conferencia, Hu Xudong explicou como chegou á poesía brasileira a través de traducións inglesas e como despois de aprender a lingua, decidiu comezar a traducir poemas brasileiros ao chinés, tanto para enriquecer a poesía chinesa contemporánea como a súa propia experiencia poética. Este investigador, poeta e tradutor terminou a súa intervención cunha lectura das traducións que fixo de poemas de João Cabral de Melo Neto ao chinés:


                                   

Coloquio con Antonio Méndez Rubio

Tras a súa intervención na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde deu unha interesante conferencia baixo o nome "Poetizar lo común", Antonio Méndez Rubio dirixiuse a Santiago de Compostela para presentar e dialogar sobre dúas das súas últimas obras: ¡Suban a bordo! (Introducción al fascismo de baja intensidad) e o libro de poemas Por nada del mundo. Xunto ao poeta e ensaísta, estiveron o profesor Arturo Casas e a crítica Ana Salado, que reflexionaron, entre outras cousas, sobre poética, poesía e poesía política.

                                     

                                     

Wednesday, 25 October 2017

Seminario coa profesora Alethia Alfonso



O proxecto de investigación POEPOLIT acollerá este xoves día 26 de outubro un seminario de entrada libre impartido por Alethia Alfonso, da Universidad Iberoamericana (México), que terá lugar na aula B7 da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo ás 16h00 e que leva por título


La diferencia entre ecopoética y ecocrítica


Alethia Alfonso é profesora na Universidade Iberoamericana e investigadora en poesía y poéticas contemporáneas intermediais. Estudou Literatura Hispanoamericana e, posteriormente, doutorouse na University of London. Participou na elaboración de varios capítulos de libros (como La poesía actual en el espacio público, Im/pre-visto ou Jorge Eduardo Eielson:homenaje 90 años) e escribe tamén para a revista cultural especializada en literatura Vallejo and co. 

A súa conferencia reflexionará sobre a diferenza que existe entre "ecopoética" e "ecocrítica", dous conceptos aparecidos a finais do século XX e que suxiren unha nova forma de achegarse ao estudo da literatura.