Friday, 14 July 2017

Miguel Januário en Vigo: "±MaisMenos± público , ±MaisMenos± político"


No marco das actividades organizadas polo proxecto de investigación POEPOLIT, o artista portugués Miguel Januário (máis coñecido como "±MaisMenos±) visitou a cidade de Vigo para ofrecer unha conferencia no Instituto Camões o día 12 de xullo, titulada "o principal é agir". No día seguinte, deu un seminario baixo o título " ±MaisMenos± Público & Político". 


Miguel Januário e "±MaisMenos±"

Miguel Januário é un artista de Porto, formado na área de desenho gráfico e que desenvolve, desde 2005 o proxecto ±MaisMenos±. Nel combina accións de arte no espazo público (gravadas e colgadas na rede posteriormente, sobre todo no seu blog ±MaisMenos±), con participacións en exposicións ou conferencias. A súa arte urbana abrangue graffities, performances, exposicións e numerosos traballos na rede, á que el califica como unha "rúa virtual". Os seus proxectos inclúen unha mensaxe crítica contra a sociedade, o sistema económico, artístico e a política actual. Así, o seu sería un proxecto poético-político de intervención que nos fai reflexionar sobre a organización do noso mundo occidental a través da presentación de certas dicotomías, mostra dunha sociedade paradoxal e fracturada.  Este artista pretende estudar as relacións entre consumo, poder, arte e sistema desde un punto de vista multimedial. Para el, a arte urbana é unha actividade política.

Imaxe dun cartel do proxecto
"Vota ±MaisMenos±" na rúa
 de Cedofeita (Porto).

Vota "±MaisMenos±"



Durante a súa estancia na cidade olívica, Miguel Januário aproveitou para presentar o seu novo proxecto, que transita entre a performance artística e a creación dun partido político. A primeira acción levouse a cabo no ano 2016, durante o Festival Iminente. Alí fixo unha sondaxe durante os tres días de festival sobre os votos dos público, que podían escoller entre os partidos tradicionais e esta nova alternativa do miguel Januário.  A segunda intervención realizouse no Passos Manuel do Porto, onde permitiu que o público lle enviase propostas políticas dun minuto para incluír no seu futuro programa. Actualmente, o ±MaisMenos± está a recorrer Portugal procurando sinaturas que lle permitan formar un partido, como se pode ver na súa páxina persoal de Facebook, onde anuncia os novos destinos de recollida de sinaturas. Sexa unha acción performativa ou un acto político, o certo é que resulta un proxecto interesante que, como mínimo, nos obriga a reflexionar sobre a relación entre arte e política. 


Máis informacións sobre a visita de Miguel Januário a Vigo e os seus proxectos:








Saturday, 17 June 2017

Recitais de Filipa Leal e Ana Luísa Amaral no festival Poemaria

No contexto do Festival Poemaria 2017, participaron as poetas portuguesas Ana Luísa Amaral e Filipa Leal, que recitaron parte dos seus textos. Filipa Leal publicou, en 2003, Lua-polaroid e, en 2004, Talvez os Lírios Compreendam (Cadernos do Campo Alegre). Os seus próximos libros saíron todos na editorial Deriva: A Cidade Líquida e outras texturas (2006), O Problema de Ser Norte (2008), A Inexistência de Eva (2009) e Vale Formoso (2012). Na não-edições publicou, en 2014, Adília Lopes Lopes e na Abysmo, en 2015, o manifesto Pelos Leitores de Poesia. O seu libro de poesía máis recente é Vem à Quinta-feira (2016, Assírio & Alvim). É neste volume no que se recolle o poema "Manual de despedida para mulheres sensíveis", unha crítica á situación na que se encontran numerosos xóvenes europeos do sur para os que a única saída que se presenta é a emigración. En relación co contexto político, tamén publicou en 2015 o poema "Europa", como parte do proxecto Renshi.eu, onde 28 poetas de 28 países diferentes abordan de forma literaria cuestións do presente e do futuro de Europa.

                               

Pola súa parte, Ana Luísa Amaral salienta como unha das principais figuras do feminismo portugués e en varios dos seus libros propón unha rescritura da historia e da tradición europea na que se teña en conta o papel das mulleres. É autora de mais de dúas decenas de libros de poesía, teatro, infantis e de ficción, e é tradutora de poetas como John Updike, Emily Dickinson ou William Shakespeare. As súas obras máis recentes son What’s in a Name (2017), E Todavia (Assírio & Alvim, 2015), ou 31 Sonetos de William Shakespeare (Relógio D’Água, 2015).


                                   


Tamén se pode consultar aquí a entrevista feita a Filipa Leal durante a súa estancia en Vigo: 

https://soundcloud.com/dinolipoe-poesia-contemporanea/filipa-leal-entrevista-16-6-17

Thursday, 27 April 2017

Coloquio Internacional: "Cordel brasileiro. Poesía política?"


O 27 de abril celebrouse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo un coloquio internacional baixo o título "Cordel brasileiro. Poesía política?", apoiado pola Cátedra Internacional José Saramago e o proxecto de investigación POEPOLIT. 

A primeira intervención foi a de Carlos Nogueira, doutor en Literatura Portuguesa pola Facultade de Letras do Porto e actual rexidor da Cátedra Internacional José Saramago xunto con Burghard Baltrusch. A súa intervención foi unha reflexión sobre a peleja brasileira que, alén de ser un poema oral dialógico onde se tratan diversos temas de actualidade, tamén se pode converter nun poema escrito que forma parte da literatura de cordel. A peleja convértese, en moitas ocasións, nun desafío ao contexto sociopolítico no que foi producido, xa que o poder social, a relixión, o xénero, a masculinidade, a raza ou a cor da pel poden converterse en obxecto deste tipo de poesía. 



Gislene Carvalho, doutoranda en Comunicación Social pola Universidade Federal de Minas Gerais, continuou o coloquio coa comunicación "Oralidade e memoria na literatura de cordel", onde presentou a literatura de cordel como o lugar que desafía a memoria institucional e que cuestiona diferentes formas de dominación simbólica. Para Gislene Carvalho, a literatura de cordel conta outra versión da Historia que non ten que ver cos actos oficiais, senón cos acontecementos do mundo cotiá e diario.

                                    

En terceiro lugar, Rafaella Teotônio, doutoranda en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Pernambuco, reflexionou na súa conferencia "Narrativas do nordeste brasileiro Leandro Gómez de Barros e Ariano Suassuna" sobre as relacións entre Leandro Gómez de Barros, principal expoñente da literatura de cordel brasileira, e o autor Ariano Suassuna, que se inspirou no primeiro para reflexar a cultura propia do nordeste brasileiro na súa peza O auto da compadecida.


                                 


Por último, o coloquio tivo como acto de peche unha mesa redonda baixo o título "Toda a poesía é política (Yehuda Amichai, poeta israelita). O cordel brasileiro é político?". Durante esta mesa, todos os participantes puideron achegar as súas ideas sobre a relación entre o cordel brasileiro e a poesía política. Pódese ver de novo a mesa redonda no seguinte enlace.