Sunday, 12 November 2017

II Xornadas Cátedra Internacional José Saramago

Os días 4 e 5 de decembro de 2017 celebraranse na Casa das Campás (Pontevedra) as II Xornadas da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. Esta nova edición ten como eixo principal a celebración do tricentenario do Convento de Mafra e os 35 anos da publicación do libro Memorial de Convento (1982). Arredor deste acontecemento, organizaranse actividades interdisciplinares dedicadas tanto a especialistas de distintas áreas como ao público xeral. Así, colaborarán nas xornadas estudantes de Filoloxía Galega e Portuguesa, Belas Artes, Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, que axudan na organización, participan nas comunicacións ou forman parte dos debates. Para máis información, pódese ler a entrevista que o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) lle realizou a Burghard Baltrusch, un dos seus organizadores. Unha das cuestións fundamentais que percorre gran parte dos actos académicos, didácticos e de divulgación será a de reflexionar sobre o pensamento ético e político de José Saramago, así como as súas accións e a súa poesía política. As conferencias que versan sobre o pensamento político serán varias e de distinta orde. Para comezar, Ana Paula Arnaut (Universidade de Coimbra), fará unha investigación sobre a H(h)istoria que se reflexa na obra arredor da cal xiran estas xornadas, Memorial do convento, onde emerxe directamente a ideoloxía de José Saramago e as súas principais preocupacións políticas: defensa dos oprimidos, importancia da muller, crítica á relixión ou a loita entre ser humano/Deus.

Sobre o pensamento político que atravesa transversalmente as obras do autor tamén vai reflexionar José Luis Fernández Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela) na súa comunicación. Este investigador levará a cabo unha lectura das novelas Memorial do Convento, O ano da Morte de Ricardo Reis e Todos os nomes baixo o lente da teoría política e tendo moi presentes a actual tendencia de estetizar o político e politizar o literario.

Outra das formas de política que será analizada durante as II Xornadas Saramago será a do feminismo, en especial, arredor da figura de Blimunda, un dos personaxes principais da obra Memorial de convento. O profesor e investigador Burghard Baltrusch reflexionará, a partir das ideas de Jacques Derrida, sobre os discursos que constrúen esta personaxe. Por último, será este mesmo investigador o que nos fará unha interesante reflexión sobre poesía e política a través da obra O ano de 1993 e as ilustracións que Graça Morais fixo para a segunda edición do libro (ano 1987). Baltrusch defenderá a idea de que este diálogo intersemiótico produce un choque sensible e perceptivo característico da arte política (Rancière 2013).

Para máis información, pódense consultar os resumos de todas as conferencias, así como o programa oficial na páxina da I Cátedra Internacional José Saramago ou no seguinte enlace: programa_xornadas.