Sunday, 12 November 2017

II Xornadas Cátedra Internacional José Saramago

Os días 4 e 5 de decembro de 2017 celebraranse na Casa das Campás (Pontevedra) as II Xornadas da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. Esta nova edición ten como eixo principal a celebración do tricentenario do Convento de Mafra e os 35 anos da publicación do libro Memorial de Convento (1982). Arredor deste acontecemento, organizaranse actividades interdisciplinares dedicadas tanto a especialistas de distintas áreas como ao público xeral. Así, colaborarán nas xornadas estudantes de Filoloxía Galega e Portuguesa, Belas Artes, Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, que axudan na organización, participan nas comunicacións ou forman parte dos debates. Para máis información, pódese ler a entrevista que o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) lle realizou a Burghard Baltrusch, un dos seus organizadores. Unha das cuestións fundamentais que percorre gran parte dos actos académicos, didácticos e de divulgación será a de reflexionar sobre o pensamento ético e político de José Saramago, así como as súas accións e a súa poesía política. As conferencias que versan sobre o pensamento político serán varias e de distinta orde. Para comezar, Ana Paula Arnaut (Universidade de Coimbra), fará unha investigación sobre a H(h)istoria que se reflexa na obra arredor da cal xiran estas xornadas, Memorial do convento, onde emerxe directamente a ideoloxía de José Saramago e as súas principais preocupacións políticas: defensa dos oprimidos, importancia da muller, crítica á relixión ou a loita entre ser humano/Deus.

Sobre o pensamento político que atravesa transversalmente as obras do autor tamén vai reflexionar José Luis Fernández Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela) na súa comunicación. Este investigador levará a cabo unha lectura das novelas Memorial do Convento, O ano da Morte de Ricardo Reis e Todos os nomes baixo o lente da teoría política e tendo moi presentes a actual tendencia de estetizar o político e politizar o literario.

Outra das formas de política que será analizada durante as II Xornadas Saramago será a do feminismo, en especial, arredor da figura de Blimunda, un dos personaxes principais da obra Memorial de convento. O profesor e investigador Burghard Baltrusch reflexionará, a partir das ideas de Jacques Derrida, sobre os discursos que constrúen esta personaxe. Por último, será este mesmo investigador o que nos fará unha interesante reflexión sobre poesía e política a través da obra O ano de 1993 e as ilustracións que Graça Morais fixo para a segunda edición do libro (ano 1987). Baltrusch defenderá a idea de que este diálogo intersemiótico produce un choque sensible e perceptivo característico da arte política (Rancière 2013).

Para máis información, pódense consultar os resumos de todas as conferencias, así como o programa oficial na páxina da I Cátedra Internacional José Saramago ou no seguinte enlace: programa_xornadas.


                               

Sunday, 29 October 2017

Visitas de Antonio Méndez Rubio e Alethia Alfonso á Universidade de Vigo

O pasado 26 de outubro de 2017, a FFT da Universidade de Vigo contou coa visita de dous grandes investigadores da literatura: pola mañá, o poeta, ensaísta e profesor Antonio Méndez Rubio impartiu unha  conferencia titulada "Poetizar lo común (perdiendo el mundo)", e, pola tarde, a mexicana Alethia Alfonso deu un seminario co nome "Diferencias entre ecopoética y ecocrítica". Ambos reflexionaron sobre o estado da relación actual entre poesía e política contemporáneas. 


O poder do poético, a tiranía da estética e a sensación de estar perdendo o mundo na conferencia de Méndez Rubio

A intervención do poeta e investigador Antonio Méndez Rubio comezou coa proxección dunha curta de animación de Steve Cutts que ilustraba a sensación de malestar que, para o profesor valenciano, caracteriza o noso momento histórico.Vivimos dominados pola sensación de estar perdendo o mundo e coa idea de que só a estética nos pode salvar ("en un mundo perdido y sin ética, a las personas sensibles solo nos queda la estética" afírmase no cómic Máquina Baja citado polo conferenciante). Seguindo as teorías de grandes estudosos como Foucault, Rancière ou Derrida, Méndez Rubio tentou explicar a diferenza entre o poético e o estético, así como as implicacións de vivir nun mundo estetizado. Mentres que a estética se centra no emisor, a poesía fai o propio coa mensaxe. Na actualidade, a poesía estúdase como unha parte da literatura, que á súa vez, forma parte do artístico ou do estético, incluído dentro do social. Este pequeno espazo que se lle dedica á poesía, sempre baixo o dominio da estética, implica que non se pode exprimir o poético ao máximo e, polo tanto, as funcións e o poder da poesía, redúcense. A función poética, centrada na mensaxe, aparece baixo o poder do estético e da súa función expresiva (centrada no emisor), polo que podemos afirmar que estamos a sufrir unha substitución do poético polo estético e do político polo ético. Partimos da idea sinalada por Rancière de que a arte é política pola pragmática social que propón e que se fai dunha forma estética, pero a estética e a política poden ser unha asociación perigosa. O problema é cando estetizamos a política, concedéndolle máis importancia á función expresiva da linguaxe cá propia mensaxe que transmitimos. Isto ocorreu durante os diferentes réximes fascistas (cuestión xa estudada por Méndez Rubio no seu ensaio FBI, Fascismos de Baja Intensidad). Se o artístico só se fai estético, elimínase o poético e a súa capacidade transformadora do mundo. 

A substitución da poesía pola estética pode crear unha sensación de autocompracencia e de superficialidade, símbolos da sociedade "neofascista" na que vivimos. O profesor e poeta usa este termo para caracterizar a nosa realidade mercantilizada e sen capacidade crítica. Cambiamos a mensaxe do poético pola satisfacción do expresivo baleiro e prodúcese como resposta unha fuga da realidade, que nos leva á sensación de estar a perder o mundo. Un exemplo que ilustra ben isto é o caso dos selfies e a necesidade de autocompracencia e recoñecemento. Os selfies preséntanse como o paradigma desta sociedade "neofascista", estetizada pero sen unha verdadeira mensaxe. Como resposta a isto, prodúcese unha evasión da realidade para a que nos resgardamos na nosa coiraza. Ante unha sociedade neofacista, baleira, sen mensaxe, evadímonos da realidade e escondémonos. A mellor metáfora para describir a situación actual dunha sociedade marcada polo mercado e a lei da estética é a dun cangrexo ermitán que non quere saír para non perder a seguridade da súa cuncha, imaxe que proxectou o poeta durante a súa conferencia.

Polo tanto, na nosa sociedade estetizada, protexémonos na nosa cuncha contra o poético, porque sabemos que é precisamente isto o que pode tranformar o mundo. Para tentar modificar o noso espazo común, debemos intentar poñer en relación o político e o poético. O único que nos pode librar da sensación de perder o mundo é, polo tanto, a busca dun novo concepto de poesía que non só se centre no estético (como a chamada "Poesía da expresión" dos anos 80 e 90, xa analizada por Antonio Méndez Rubio no seu ensaio La destrucción de la forma y otros escritos sobre poesía y conflicto, 2008), senón que tamén interveña sobre o espazo político dunha forma crítica. Pódese ver toda a conferencia impartida por Antoniuo Méndez Rubio na seguinte ligazón. 




Ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica durante o seminario aberto de Alethia Alfonso

Durante o seminario que Alethia Alfonso impartiu esa mesma tarde, a investigadora mexicana tentou describir a ecocrítica, ecopoesía e biosemiótica, tres novas formas de achegarnos á poesía que nacen como unha hibridación entre os estudos medioambientais e o estudo temático dunha obra e cuxo obxectivo é o de entender a forma na que nos relacionamos co medio no que vivimos. 

A ecopoesía nace ligada á fenomenoloxía, xa que nos coloca en relación co medio. Algúns dos estudosos principais deste movemento son Pollock, Reilly e Rigby. Entre as principais manifestacións de ecopoesía podemos encontrar a poesía nacionalista do século XIX ou a poesía bucólica e pastoril. 

Pola súa banda, a ecocrítica nace coa unión de diversas áreas de estudo (en concreto, da ecoloxía e da crítica) nunha universidade dos Estados Unidos. Froito desta unión, nace a idea de que cada poema é fillo do seu tempo e que todo se relaciona co medio ambiente no que é creado. Unha das vertentes principais é a da materialidade da linguaxe, que implica que o uso ou a práctica da linguaxe é distinta en cada texto, pois non existe unha linguaxe universal, senón unha semellanza familiar. Esta idea foi exposta, por primeira vez  por D. Bleich, baseándose, á súa vez, en Wittgenstein. 

Por último, a biosemiótica fundouse en Moscova e plantexa a idea de que todos os entes do planeta son capaces de crear semiose entre si. Un exemplo de semiose sería a linguaxe humana, que non só serve para comunicarnos mellor, senón para moldear o mundo á nosa visión. A forma na que modificamos o noso mundo créanos conflitos con outros animais, xa que non somos os únicos que facemos semiose. Entre os estudos máis salientables deste movemento podemos destacar a James Shapiro, que chegou a plantexar que a interpretación dos xens era unha forma de crear poesía; ou tamén a Thoreau e a Emerson, que durante o século XIX entenderon a natureza como unha forma de conectar mellor con Deus. 

Estas tres novas formas de achegarnos á literatura, á parte de crear unha forma de estudo interdisciplinar, permiten analizar as diferentes culturas como se fosen ecosferas e, partindo de esquemas como o da ecoloxía, estudar a relación de poder e equilibrio que se establece entre as distintas culturas do mundo. Pódese ver toda o seminario impartido pola profesora na seguinte ligazón. 




Máis información sobre estas dúas visitas no Diario Oficial da Universidade de Vigo (DUVI): 


https://duvi.uvigo.gal/contenido/artigos/cultura/2017/10/artigo_0021.html

http://tv.uvigo.es/es/serial/3239.html

Friday, 27 October 2017

Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador"

Este ano celebrouse a sexta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador", un proxecto organizado por Yolanda Castaño coa colaboración do Consello de Cultura e do concello de Redondela, entre outros. Esta pioneira iniciativa (pioneira no noso país, pero similar á realizada noutros estados) reúne un conxunto de poetas e traductores de diferentes linguas que durante unha semana se xuntan na Illa de San Simón e, a través dun idioma común, tradúcense uns aos outros. Nas anteriores edicións sempre se usou como lingua ponte o inglés, pero este ano, tentouse evitar a hexemonía da cultura anglófona e usouse como intermediario o portugués. As actividades foron alén da tarefa de tradución realizada na illa de San Simón e incluíron recitais en Vigo, Pontevedra ou Redondela. 


                                 


Os convidados deste ano foron Hu Xudong (chinés), Francesca Cricelli (italo-brasileira), Antón García (asturiano), Tomica Bajsić (Croacia), Rita Dahl (Finlandia) e Estevo Creus (Galicia). Xusto antes de embarcarse nesta aventura de tradución poética, tivemos a sorte de contar coa presenza de Hu Xudong na FFT de Vigo, que nos falou sobre "Traducir a poesía brasileira para o chinés: experiencias dun poeta e tradutor". Na súa conferencia, Hu Xudong explicou como chegou á poesía brasileira a través de traducións inglesas e como despois de aprender a lingua, decidiu comezar a traducir poemas brasileiros ao chinés, tanto para enriquecer a poesía chinesa contemporánea como a súa propia experiencia poética. Este investigador, poeta e tradutor terminou a súa intervención cunha lectura das traducións que fixo de poemas de João Cabral de Melo Neto ao chinés:


                                   

Coloquio con Antonio Méndez Rubio

Tras a súa intervención na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde deu unha interesante conferencia baixo o nome "Poetizar lo común", Antonio Méndez Rubio dirixiuse a Santiago de Compostela para presentar e dialogar sobre dúas das súas últimas obras: ¡Suban a bordo! (Introducción al fascismo de baja intensidad) e o libro de poemas Por nada del mundo. Xunto ao poeta e ensaísta, estiveron o profesor Arturo Casas e a crítica Ana Salado, que reflexionaron, entre outras cousas, sobre poética, poesía e poesía política.

                                     

                                     

Wednesday, 25 October 2017

Seminario coa profesora Alethia Alfonso



O proxecto de investigación POEPOLIT acollerá este xoves día 26 de outubro un seminario de entrada libre impartido por Alethia Alfonso, da Universidad Iberoamericana (México), que terá lugar na aula B7 da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo ás 16h00 e que leva por título


La diferencia entre ecopoética y ecocrítica


Alethia Alfonso é profesora na Universidade Iberoamericana e investigadora en poesía y poéticas contemporáneas intermediais. Estudou Literatura Hispanoamericana e, posteriormente, doutorouse na University of London. Participou na elaboración de varios capítulos de libros (como La poesía actual en el espacio público, Im/pre-visto ou Jorge Eduardo Eielson:homenaje 90 años) e escribe tamén para a revista cultural especializada en literatura Vallejo and co. 

A súa conferencia reflexionará sobre a diferenza que existe entre "ecopoética" e "ecocrítica", dous conceptos aparecidos a finais do século XX e que suxiren unha nova forma de achegarse ao estudo da literatura.