Friday 14 July 2017

Miguel Januário en Vigo: "±MaisMenos± público , ±MaisMenos± político"


No marco das actividades organizadas polo proxecto de investigación POEPOLIT, o artista portugués Miguel Januário (máis coñecido como "±MaisMenos±) visitou a cidade de Vigo para ofrecer unha conferencia no Instituto Camões o día 12 de xullo, titulada "o principal é agir". No día seguinte, deu un seminario baixo o título " ±MaisMenos± Público & Político". 


Miguel Januário e "±MaisMenos±"

Miguel Januário é un artista de Porto, formado na área de desenho gráfico e que desenvolve, desde 2005 o proxecto ±MaisMenos±. Nel combina accións de arte no espazo público (gravadas e colgadas na rede posteriormente, sobre todo no seu blog ±MaisMenos±), con participacións en exposicións ou conferencias. A súa arte urbana abrangue graffities, performances, exposicións e numerosos traballos na rede, á que el califica como unha "rúa virtual". Os seus proxectos inclúen unha mensaxe crítica contra a sociedade, o sistema económico, artístico e a política actual. Así, o seu sería un proxecto poético-político de intervención que nos fai reflexionar sobre a organización do noso mundo occidental a través da presentación de certas dicotomías, mostra dunha sociedade paradoxal e fracturada.  Este artista pretende estudar as relacións entre consumo, poder, arte e sistema desde un punto de vista multimedial. Para el, a arte urbana é unha actividade política.

Imaxe dun cartel do proxecto
"Vota ±MaisMenos±" na rúa
 de Cedofeita (Porto).

Vota "±MaisMenos±"



Durante a súa estancia na cidade olívica, Miguel Januário aproveitou para presentar o seu novo proxecto, que transita entre a performance artística e a creación dun partido político. A primeira acción levouse a cabo no ano 2016, durante o Festival Iminente. Alí fixo unha sondaxe durante os tres días de festival sobre os votos dos público, que podían escoller entre os partidos tradicionais e esta nova alternativa do miguel Januário.  A segunda intervención realizouse no Passos Manuel do Porto, onde permitiu que o público lle enviase propostas políticas dun minuto para incluír no seu futuro programa. Actualmente, o ±MaisMenos± está a recorrer Portugal procurando sinaturas que lle permitan formar un partido, como se pode ver na súa páxina persoal de Facebook, onde anuncia os novos destinos de recollida de sinaturas. Sexa unha acción performativa ou un acto político, o certo é que resulta un proxecto interesante que, como mínimo, nos obriga a reflexionar sobre a relación entre arte e política. 


Máis informacións sobre a visita de Miguel Januário a Vigo e os seus proxectos: