
Foi esta forte relación entre a literatura e as outras artes que se encontra nos libros de Saramago o que permitiu levar a cabo tres proxectos interdisciplinares con alumnos de diversos graos da Universidade de Vigo: por unha banda, o grupo de innovación docente ComTecArt uniu os coñecementos do estudantado de Ciencias das Telecomunicacións e de Comunicación Audiovisual para que xuntos creasen videoxogos inspirados no libro A viagem do elefante, de Saramago. Os asistentes ás xornadas puideron probar durante a tarde do luns o resultado deste proxecto e as reinterpretacións lúdicas que se fixeron da obra do autor luso. Os outros dous proxectos que se puxeron en marcha no marco destas Xornada tiveron como protagonista ao estudantado do Mestrado de Animación e de Libro Ilustrado da Universidade de Vigo. Os e as alumnas de primeiro ano, nun proxecto coordinado polo profesor José Chavete e dirixido pola estudante Beatriz Gregores, mostraron os primeiros resultados da curtametraxe de animación baseada no conto A ilha desconhecida. Pola súa banda, os alumnos de segundo ano explicaron o seu proceso de traballo e posteriormente proxectaron as cinco animacións da "Passarola" sobre as que traballaron durante os últimos meses.

Ao longo destes dous días de reflexión sobre a obra do autor portugués, tentouse poñer énfase tamén na mensaxe política que transmiten as obras de Saramago. Durante a conferencia de apertura realizada por Ana Paula Arnaut (Universidade de Coimbra), cuxo obxecto de estudo era a Memorial convento, repensouse a Historia de Portugal, contrapoñéndoa coas pequenas historias que poboan a novela de Saramago. Así, o autor portugués recupera aos heroes anónimos que axudaron a construír a nación portuguesa e que foron esquecidos no momento de construír un discurso oficial da nación portuguesa. Nesta obra, polo tanto, Saramago contrapón aos heroes oficiais, que a miúdo sofren un proceso de rebaixamento ao mundo corpóreo e de caricatura, con heroes descoñecidos aos que saca do anonimato para ficcionalizalos, como é o caso de Blimunda. Este personaxe é precisamente o escollido polo profesor Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo) para realizar a súa conferencia "A goodness that is forgetful of himself"- Reflexões sobre a Blimunda de Memorial de convento. A través das teorias de Jacques Derrida reflexionou sobre as formas de construír este personaxe emblemático da obra saramaguiana e que desafía os discursos hexemónicos.
A última conferencia ofrecida o primeiro día das xornadas, "Biopolítica como categoría política transversal na ficción de José Saramago", realizada por Xosé Luis Fernández Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela), salientou o aspecto político presente en toda a obra de Saramago e, concretamente, en tres das súas novelas principais O ano da morte de Ricardo Reis, Memorial do Convento e Ensaio sobre a cegueira. Ao abeiro de ferramentas de análise política como as proporcionadas por Rancière, o investigador propón unha lectura política das obras do autor portugués.


Cómpre salientar tamén como se reivindicou a poesía política de Saramago a través de dúas intervencións sobre un dos libros máis esquecidos do autor portugués, O ano de 1993. En primeiro lugar, Antía Monteagudo analizou de que forma a cidade se converte nun espazo opresivo e represivo onde converxen diversos episodios crueis da historia e numerosas ideoloxías negativas para o progreso humano: ditaduras, guerras, a sociedade do espectáculo ou a tecnoloxía sen control. Pola súa banda, Burghard Baltrusch analizou o aspecto político tanto nos versos de Saramago como nas ilustracións de Graça Morais.
Máis fotografías sobre as II Xornadas Internacionais José Saramago:
Lugares onde encontrar máis información sobre as xornadas: